Textos bíblicos manipulados por trinitarios

A fe é persoal e intransferible, ocorre na black box da nosa mente. Serei esquemático e non chegarei tan lonxe como Skinner, pero en cuestións de fe opino que o importante son as conductas, as obras. Res, non verba. En poucas verbas pois, se a túa fe te leva a cometer atentados terroristas, a mancar ós demais ou a autoagredirte, entón si pode ser un problema.

Discutir sobre o resto de crenzas é como falar sobre o sexo dos anxos. Imponse a ἐποχή de Pirrón. Léase tamén o que di Paulo no capítulo 14 da Carta ós Romanos.

Tristemente hai persoas que cren que a Biblia contén a “palabra de Deus” inerrante ou infalible. Esa crenza é un caldo de cultivo para que predicadores hábiles e iluminados convenzan a esas persoas con toda clase de exexeses e eisexeses feitas a base de cherry picking.

Incluso hai textos bíblicos manipulados por un copista ou por un traduttore traditore que querían ocultar algunha doutrina incómoda ou fabricar probas para apoiar unha nova doutrina, como no caso (que xa comentei aquí) da comma xoanina.

Xesús de Nazaret e os primeiros cristiáns, incluídos os autores do Novo Testamento, eran xudeus. En consecuencia é pouco probable que desenvolvesen unha idea trinitaria de Deus. Vexamos algúns textos.

Mateo XXVIII, 19

Os que predican a Trindade sempre citan o relato onde o Xesús resucitado manda bautizar “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Para algúns é unha interpolación tardía. Entre outras cousas nótese que, nos relatos paralelos, Marcos non recolle a fórmula e Lucas e Xoán nin de bautismo falan. Tampouco no libro dos Feitos parecen coñece-la fórmula. En realidade a doutrina trinitaria non madurece ata o século IV, cos credos de Nicea (concilio do 325, convocado polo emperador Constantino) e Constantinopla (concilio do 381, convocado polo emperador Teodosio I).

Carta ós Romanos IX, 5

Texto curioso que depende da puntuación. Algunhas biblias ofrecen unha lectura ambigua, como a católica Biblia de Jerusalén (copio pola quinta edición, omito a longa nota que aparece na versión impresa):

[5] y los patriarcas; de ellos también procede Cristo según la carne, el cual está por encima de todas las cosas, Dios bendito por los siglos. Amén.

Ou a protestante King James Version (véxanse as voltas exexéticas e eisexéticas que lle dan os comentarios en Bible Hub):

[5] Whose are the fathers, and of whom as concerning the flesh Christ came, who is over all, God blessed for ever. Amen.

Outras biblias len directamente o que lles interesa, como a protestante New International Version:

[5] Theirs are the patriarchs, and from them is traced the human ancestry of the Messiah, who is God over all, forever praised! Amen.

Non obstante, os editores da NIV teñen o decoro filolóxico de ofrecer en nota dúas traduccións alternativas:

a) […] Messiah, who is over all. God be forever praised! […]; b) […] Messiah. God who is over all be forever praised! […]

Quizá os máis alternativos ou os máis decorosos no aspecto filolóxico sexan neste caso os da católica versión NABRE (tamén coa súa nota):

[5] theirs the patriarchs, and from them, according to the flesh, is the Messiah. God who is over all be blessed forever. Amen.

E os da católica e galega versión SEPT (que recolle ó pé outras traduccións posibles):

[5] a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.

Carta a Tito II, 13

Outro texto no que algunhas biblias fan dicir a Paulo que Xesús é Deus, algo improbable vindo dun xudeu. Así vén na católica Biblia de Jerusalén:

[13] aguardando la feliz esperanza y la Manifestación de la gloria del gran Dios y Salvador nuestro Jesucristo;

A protestante King James Version di outra cousa (que a maioría dos comentarios en Bible Hub intentan desacreditar):

[13] Looking for that blessed hope, and the glorious appearing of the great God and our Saviour Jesus Christ;

Unha lectura que comparte a católica versión NABRE (que recolle en nota a outra traducción):

[13] as we await the blessed hope, the appearance of the glory of the great God and of our savior Jesus Christ,

Mentres a católica versión SEPT fai o contrario, prefire a traducción eisexética e recolle en nota a outra:

[13] agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador Xesús Cristo.

Estas polémicas non terían importancia ningunha se non houbese xente que pretende ter un direito exclusivo a interpretar textos sagrados… que en moitos casos xa veñen manipulados da imprenta. Ás veces encontra un nos varios dogmatismos o que Ibn al-Muqaffa describiu así:

[…] pregunte et pense et non falle ninguno dellos que me di[x]ese mas que alabar a si e a su ley et denostar al agena […]

Morales: “Peccantem me cotidie”

Traio hoxe un motete (responsorio) composto por Cristóbal de Morales e que pertence a un Oficio de Defuntos. O título que encontraremos con maior frecuencia é Peccantem me quotidie, pero na edición de Anglès (1971) está escrito Peccantem me cotidie (ver libro do CSIC).

Hai unha transcripción da música na páxina de Nancho Álvarez, quen foi compañeiro meu no Coro Universitario compostelán hai uns vinte e cinco anos, eheu fugaces. Pódense ve-los textos do oficio en latín, con traducción ó inglés, na páxina de Glenn Gunhouse.

Aquí canta o coro Capella Theresiana dirixido por György Merczel:

Eis unha gravación do Norfolk Chamber Music Festival:

O sacramento dos salgueiriños

Moito me alegra neste tempo ve-los salgueiriños florecidos nas beiras do rego do Lamiño, cando chego ou cando saio da casa. Toda a vida véndoos e aínda onte aprendín o seu nome, un dos seus nomes vulgares, vaia, como o español arroyuela, que xa nos indica que lle gustan as terras húmidas, brañas, lameiros… Para os biólogos é Lythrum salicaria e disque nalgúns lugares constitúe especie invasiva o que aquí é un regalo para a vista.

Os salgueiriños son para min un sacramento no sentido que dá Leonardo Boff a esta palabra no libro Os sacramentos da vida e a vida dos sacramentos (1975), un libro que eu coñecín nos anos noventa frecuentando as aulas de Ricardo Viqueira.

Un sentido que xa estaba nas hierofanías de Mircea Eliade, no numinoso de Rudolf Otto e no Xacob do que falei onte.

Nihil sub sole novum.

P.S. Poucas horas despois de escribir isto aprendo que xusto por riba do Lamiño, ignorado como este no Nomenclator, hai un lugar que chaman “dos Salgueiriños”, a carón da rúa do Salgueiro, et ego nesciebam.