David e a lei

Un episodio narrado no segundo libro de Samuel, capítulo XXI mostra ao rei David entregando á morte a uns inocentes como castigo por algo que fixera seu pai. A primeira vista parece unha acción compatible co decálogo –os “dez mandamentos”– que di isto no capítulo XX do Éxodo ou no capítulo V do Deuteronomio:

[…] eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións. […]

Unha mensaxe que se repite con pequenas variantes en Éxodo (XXXIV, 6-7), Números (XIV, 18) e Xeremías (XXXII, 18).

Pero hai que ter en conta que a lei e a teoloxía tiveron a súa evolución, e ás veces é difícil separar os distintos estratos nuns textos que pasaron por tantas mans.

En primeiro lugar, a teoloxía primitiva encontrou axiña o problema da retribución, esa que aínda lle tardaba ao Qohélet (VIII, 11) cando dicía:

[…] se a sentenza por un mal proceder non se executa de seguido, os homes collen folgos para facer o mal […] cousa absurda na terra: xustos aos que lles vai coma se obrasen coma impíos; impíos aos que lles vai coma se fixesen igual cós xustos. […]

Postular un distanciamento entre o pecado e o castigo foi necesario para manter a fe dos israelitas no dogma central da súa teoloxía: a intervención de Iavé na Historia, a providencia, a retribución.

En segundo lugar, o episodio do rei David ten unha estructura mítica, e comparte coa primitiva referencia do decálogo un matiz alleo á xustiza humana. Repárese en que o David mítico executa un rito apotropaico que intenta aplacar a ira de Iavé, e di o narrador que o conseguiu:

[…] e despois diso compadeceuse Deus da terra.

Séculos máis tarde os compiladores ou redactores da torah loitaron contra os sacrificios humanos e deixaron ben claro que non se pode castigar aos fillos polos delictos dos pais. Véxase no Deuteronomio (XXIV, 16):

Non se condenará á morte os pais por culpa dos fillos, nin se condenará á morte os fillos por culpa dos pais: condenarase á morte a cada un polo seu pecado.

Esta lei recórdase no segundo libro dos Reis (XIV, 6) e no seu paralelo do segundo libro das Crónicas (XXV, 4). E tamén se recorda no libro do profeta Ezequiel (XVIII, 20), que achega unha teoloxía máis avanzada.

As interpretacións literais dos textos sagrados levan facilmente a conclusións aberrantes e absurdas. Sabíao ben Xesús de Nazaret. Cando lle preguntaron, no capítulo IX de Xoán, quen cometera o pecado para que un home nacese cego, se fora el ou foran seus pais, respondeu:

Nin pecou el nin seus pais.

Hai males cuxas causas é difícil coñecer e controlar. Pero limitarse a atribuír os nosos males a causas descoñecidas e incontrolables como a “vontade de Deus” pode conducir ao pesimismo, á inacción, á indolencia, á superstición, ao pensamento máxico.