Citas contradictorias

Xa rematei o libro do que falaba hai uns días. Agora estou a ler un libro similar, que tamén fai divulgación científica a partir da táboa periódica dos elementos químicos. O autor é Sam Kean e o título orixinal é The Disappearing Spoon: And Other True Tales of Madness, Love, and the History of the World from the Periodic Table of the Elements. Eu leo a traducción española, “La cuchara menguante y otros relatos veraces de locura, amor y la historia del mundo a partir de la tabla periódica de los elementos” (ISBN 9788434413641).

Gustoume como explica, nas páxinas 31 e 32, que os electróns se esconden. Porque ás veces é frustrante aprender unha regra que está chea de excepcións, como neste caso a regra de Madelung para a configuración electrónica de capas e orbitais. A realidade sempre rompe as nosas teorías, modelos e esquemas, e aí está o traballo dos científicos, no que Karl Popper chamou falsación.

Aínda me gustou máis como explica, nas páxinas 73 e seguintes, como se forman nas estrelas os átomos dos distintos elementos. Non ten que ver coa explicación, pero dentro dela fálase dun artigo que encabezan dúas citas contradictorias recollidas en obras de Shakespeare. A primeira é de King Lear e di:

It is the stars, the stars above us govern our conditions.

A segunda é de Julius Caesar:

The fault, dear Brutus, is not in our stars, but in ourselves.

Estas citas son contradictorias porque os que falan son personaxes distintos en situacións distintas. Pode parecer obvio pero se non se entende isto non se desfai a disonancia cognitiva.

Acordeime aquí do erro que cometín tempo atrás cando xulguei citas soltas, descontextualizadas, de Platón e de Cicerón (De natura deorum) sen saber aínda que eran citas de diálogos nos que os autores fan falar a varios personaxes. E eses autores ás veces, incluso, poñen na boca dos personaxes palabras necias coa intención de poñelos en ridículo.

Advertisements