Sonetos de Darío Xohán Cabana

Entre os méritos do polígrafo Darío Xohán Cabana eu destacaría as traduccións ao galego de Petrarca, Dante e outros autores publicadas por Edicións da Curuxa.

Hoxe traio aquí dous sonetos de amor que el escribiu. Nótese no primeiro a reminiscencia do soneto II de Shakespeare, When forty winters shall besiege thy brow

Cando setenta invernos na túa frente
caven fondos agravios e regañas,
cando leves escrita polas cañas
a traxedia do tempo displicente;

cando o curso dos anos che amolente
a preciosa dureza das entrañas,
cando mesmo calvexen as marañas
que son coroa ó monte máis ardente;

cando a morte se pouse nos teus ombros
e todo sexa un resoar de escombros
e ruína certísima da rosa,

se eu sigo por aquén, amarei tanto
a túa decadencia, o teu quebranto,
que has de morrer pensándote fermosa.

O segundo soneto recorda a Petrarca (Canzoniere, LXI, Benedetto sia ’l giorno, e ’l mese, e l’anno). Penso que as citas e as paráfrases están xustificadas porque actualizan e anosan a beleza da cultura universal. E penso no que escribiu André Gide, xa está todo dito, pero como ninguén escoita é preciso comezar de novo. Cada artista leva dentro un Sísifo

Bendito sexa o ano, o mes, o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que fería;

bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manseliño
mel da palabra túa de amavía:

bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo,

bendito sexa o porto e a cidade
onde embarquei pra navegar contigo
nun navío de amor e de saudade.

Advertisements